O CES considera que había un xeito mellor de desbloquear o saneamento de Vilanova
Mellorar o saneamento da ría en Vilanova, si, pero cuestionamos que se escollera a solución máis impactante para a costa.
ACTUALIDADE


Desde o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) consideramos necesario mellorar o sistema de saneamento de Vilanova de Arousa e Cambados e solucionar os problemas derivados da antigüidade do actual colector, que levamos anos denunciando nós e distintas entidades sociais, xa que é unha fonte de contaminación na ría. Non obstante, cuestionamos que a Xunta presente como inevitable a pavimentación da costa, cando existen alternativas que permitirían reducir a afección sobre o litoral.
Existían alternativas menos lesivas
Xa advertimos desta cuestión durante o período de información pública en maio deste ano. Entre as alegacións que presentamos, solicitamos que se estudase con maior detalle a alternativa que permitía afastar o conduto de alivio do dominio público marítimo-terrestre.
Se existen alternativas menos lesivas, non se debería optar pola ocupación e alteración da costa.
Alegacións sen resposta
Lamentamos que as alegacións e suxestións que presentamos durante o proceso de información pública non se tiveran en conta e nin tan sequera recibisen resposta por parte da Xunta. Resulta moi evidente que foi un mero trámite para a Consellería responsable.
Formigón no camiño litoral
Tamén cuestionamos a pavimentación de dous tramos do camiño litoral vinculada á execución da obra. Supón unha transformación innecesaria dun espazo que aínda conserva o seu carácter natural. Existen solucións de menor impacto, como manter o camiño en terra compactada ou utilizar materiais permeables.
Enorgullecíase a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático de ter desbloqueado en 6 meses a problemática que levaba 6 anos parada.
