Monte Faro, un territorio por descubrir

O pasado sábado, 10 de outubro, o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) participou no roteiro organizado pola Asociación Monte Faro baixo o título «Monte Faro, un territorio por descubrir». A actividade tiña como obxectivo dar a coñecer e poñer en valor a riqueza natural e patrimonial deste espazo do concello de Sanxenxo, tan interesante como pouco coñecido. Xunto co CES, tamén colaboraron nesta andaina o grupo ecoloxista Hábitat e a asociación Andarela. As tres entidades contribuíron a descubrir e divulgar os valores do territorio desde distintas perspectivas, abordando cuestións relacionadas coa auga, o patrimonio, a biodiversidade e a paisaxe.

ACTUALIDADE

10/16/20261 min read

Tres miradas sobre un mesmo territorio

Hábitat: o impacto do eucalipto

O grupo Hábitat puxo o foco nas consecuencias do monocultivo de eucalipto, unha formación forestal que contribúe ao empobrecemento da biodiversidade e pode incrementar o consumo de auga e alterar o funcionamento hídrico dos solos.

Andarela: o patrimonio arqueolóxico

Pola súa banda, as representantes de Andarela destacaron a importancia arqueolóxica do Monte Faro, onde existe unha notable presenza de túmulos catalogados pola Administración de Patrimonio, e defenderon a necesidade de identificar, sinalizar e protexer adecuadamente estes elementos, fundamentais para comprender a historia e a ocupación humana do territorio.

CES: relevo, auga e paisaxe

A participación do CES centrouse nos valores xeomorfolóxicos, hidrolóxicos e paisaxísticos do Monte Faro. Durante o roteiro, salientouse a singularidade das formas do relevo, a importancia da rede hídrica e a fraxilidade deste espazo fronte a determinadas actuacións urbanísticas.

Neste sentido, o colectivo advertiu das consecuencias que poderían ter os desenvolvementos previstos nas parcelas SU-13 e SU-14, promovidos no marco do planeamento urbanístico de Sanxenxo, que poderían comprometer de maneira irreversible unha parte importante dos valores naturais e patrimoniais da zona.

Un territorio que hai que protexer

O Monte Faro é un territorio de gran valor ambiental e cultural que está sometido a unha importante presión urbanística. A conservación deste espazo debe ser unha prioridade fronte a propostas que poidan poñer en risco os seus recursos naturais, a súa paisaxe e o seu patrimonio arqueolóxico.

Falamos dun territorio que forma parte da contorna cotiá da veciñanza de Noalla e Sanxenxo e que contribúe á súa calidade de vida, ofrecendo espazos de natureza, identidade e memoria colectiva.