13 de setembro, 2026.
CADERNO NATURA


O 13 de setembro, un ornitólogo afeccionado veu voando a certa altura, por riba do banco do Serrido de Cambados, un par de aves de gran porte. O primeiro que pensou foi que eran flamencos, pero de seguido descartou esta observación como cita confirmada. As aves estaban lonxe, a máis de 100 metros de altura e aproximadamente a 1 km de distancia, ademais voaban cara o mar e víanse por detrás. O ornitólogo pensou tamén que setembro non era tempo de flamencos. E a cita quedou no limbo das citas: un lugar cheo de rarezas e de frustración.
Ese mesmo afeccionado 15 días mais tarde, recibiu a noticia de que andaban 17 flamencos pola desembocadura do Umia, entre Punta Arfolín e as Illeiras. Entón deulle un arrebato por rescatar do limbo das citas a estas dúas aves que voaban cara o mar. Pero ese limbo non ten volta atrás.
Desde hai cinco anos, algún flamenco despistado déixase ver en Galicia, entre novembro e principios de xaneiro: na ría do Burgo, na Enseada de San Simón, e desde o 2022 tamén na
Enseada Umia- O Grove. Nós dicimos que están despistados, pois sempre son poucos (entre 1 e 4), están pouco tempo e son sempre xuvenís. Pero no 2025 chegaron 5 individuos, estiveron desde mediados de outubro ata febreiro e había algún adulto entre eles.
Ningún ornitólogo sabe o que pasa pola cabeza das aves, unha cabeza que no caso do flamenco, ten os ollos máis grandes que o cerebro. Pero ese cerebro minúsculo é coma un microchip de alta capacidade. E se ese o ornitólogo afeccionado, o dos flamencos do
Serrido, descubriu algo das aves ao longo da súa vida, foi que as aves son uns seres moi difíciles de predicir e cunha extraordinaria capacidade de adaptación aos cambios ambientais. E os cambios ambientais están aquí.
Os bandos de flamencos, os flamboyances -así se lles chama en termos ornitolóxicos-, están sendo vítimas das secas dos humedais no sur da Península Ibérica. Por iso estas aves nestes últimos anos están a explorar humedais situados máis ao norte. E están chegando os individuos máis novos, os que teñen que buscarse a vida, pois os lugares de asentamentos de sempre xa non dan máis de si. E agora xa comezan a aparecer algúns adultos entre unha maioría de xuvenís: entre os 17 flamencos que estes días andan pola desembocadura do Umia hai catro adultos. Estes inmigrantes son refuxiados climáticos, pero afortunadamente para eles, non hai fronteiras.
Desde este diario de campo do Colectivo Ecoloxista do Salnés, dámoslle a benvida a estes novos inquilinos, desproporcionados pero elegantes, estraños pero familiares. É un feito
insólito poder miralos por aquí, velos comer durante a baixamar nos regos da marea, coa a cabeza baixo a auga, axitando as patas para remover a lama do fondo e filtrar con ese pico estraño, todo o que se move. Ou velos descansar, co pescozo pregado sobre un corpo que descansa sobre unha pata longa. coma un vurullo de plumas brancas e rosas enriba dun pau.
Agora a esperar se o pequeno grupo decide alzar o voo, ou se inclinan a quedarse un tempo para iniciar un lento e continuo asentamento no Complexo intermareal Umia- O Grove. Pois é posible que pouco a pouco vaian chegando máis. De momento 17.
